O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, 25 de xaneiro de 2024 a resolución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ca incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Entroido galego, así, si se fai efectivo esta declaración quedará desde hoxe protexido en base ao seu interese etnolóxico, á súa función social e á súa riqueza cultural e patrimonial nas súas diferentes expresións.
As administracións públicas deberán garantir a súa documentación, investigación, preservación, protección, promoción e valorización, entre outros aspectos. Un total de 191 dos 313 concellos da Comunidade, o 61 %, escolle unha data vencellada ao Entroido como festivo local
Coa publicación deste expediente, o Entroido galego queda desde hoxe protexido, tendo en conta o interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial desta celebración nas súas diferentes representacións e expresións, así como a súa capacidade para xerar riqueza no ámbito local, fortalecer a convivencia e, por suposto, o entretemento e o xúbilo. Agora, disponse dun máximo de 24 meses para completar o expediente, pero os efectos da mesma son de aplicación desde este momento.
Esta resolución, que conta con 16 páxinas, está acompañada de dous anexos, un centrado no propio Entroido e outro nas medidas de salvagarda. Respecto ao primeiro, desenvólvese a natureza e condición desta celebración, así como as diferentes definicións do propio Entroido. Este anexo tamén detalle o marco temporal no que se desenvolve o Entroido e as súas citas máis destacadas, as máscaras, o marco espacial no que se manifesta, a valoración cultural e a súa función social. Por suposto, existe unha comunidade portadora e formas de transmisión, na que destacan os informantes patrimoniais, os mestres e os artesáns, así como os investigadores.
Respecto ao segundo anexo da resolución, danse a coñecer as medidas de salvagarda do Entroido galego como BIC. A Consellería de Cultura sinala esta celebración como un elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos, algo imprescindible para comprender e definir a identidade de Galicia. Así, as medidas xerais de salvagarda comprometen ás administracións públicas a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.
Requisitos do patrimonio inmaterial
Neste sentido, o Entroido galego cumpre todos os requisitos fixados no Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial para gozar da consideración de manifestación do patrimonio cultural do pobo galego. Isto é, ser compartido polos membros dunha colectividade; estar vivo, ser dinámico, vulnerable e non admitir copia; ser transmitido desde a infancia e recreado mediante certas pautas de organización baixo unha orde ritual específica; resultar preservado de xeito tradicional pola comunidade; formar parte da memoria colectiva viva; ter unha estreita conexión coa dimensión material da cultura, e estar contextualizado nun tempo e marco espacial, entre outros.
Os precedentes da incoación
Como sinala a esta resolución, xa existen algúns precedentes: os entroidos de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, que xa foron declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.
Así mesmo, varios entroidos teñen recoñecementos, noutros ámbitos, como festas de interese turístico. Trátase do de Xinzo de Limia, que é festa de interese turístico internacional; o de Verín, que se constitúe como festa de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.
DOG xoves, 25 de xaneiro de 2024 RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Entroido.