A asociación do Entroido de Laza en colaboración co Concello dentro da sua programación de “Tempo de Entroido” organizou o sábado 28 de xaneiro de 2023 unha xornada moi completa, cun encontro ás 18:00 na sede do Concello de varios Entroidos amigos.
En primeiro lugar proxectouse a curta de Mirian Opazo, Nigún Deus, que realizou como traballo de fin de carreira para a universidade.
En segundo lugar, houbo un pequeno coloquio cos Entroidos convidados: os Felos de Maceda, os Boteiros de Viana do Bolo e as Bonitas de Sande.
No coloquio tocáronse diversos temas sobre as dificultades e as realidade ás que se enfrontan os Entroidos rurais no contexto social. O despoboamento do rural, a descontextualización das tradicións, a necesidade dun Entroido sostible, a dificultade de recuperar tradicións sen caer en meras representacións teatrais…
Un espazo de diálogo amigo no que tecer lazos de amizade para ter un Entroido Galego Forte e Amigo.