III CONCURSO DE MECOS ENTROIDO MACEDA 2024.

Inscribe o teu meco antes do 8 de febreiro enviando algunhas fotos do teu meco cos teus datos persoais a: comercioenmaceda@hotmail.com
O meco/a que obteña menos votos será proposto para a súa queima o día do ENTERRO DOS MECOS (Sábado 17 de febreiro ás 20:00 na Praza das Toldas de Maceda).


Podedes consultar as bases deste concurso no seguinte enlace: https://drive.google.com/file/d/1YrgVxjK8QahuETPyM0XzWkomPqgt8VqK/view?usp=sharing

Entroido Galego declarado BIC

Entroido Ben de interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, 25 de xaneiro de 2024 a resolución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ca incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Entroido galego, así, si se fai efectivo esta declaración quedará desde hoxe protexido en base ao seu interese etnolóxico, á súa función social e á súa riqueza cultural e patrimonial nas súas diferentes expresións.

As administracións públicas deberán garantir a súa documentación, investigación, preservación, protección, promoción e valorización, entre outros aspectos. Un total de 191 dos 313 concellos da Comunidade, o 61 %, escolle unha data vencellada ao Entroido como festivo local

Coa publicación deste expediente, o Entroido galego queda desde hoxe protexido, tendo en conta o interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial desta celebración nas súas diferentes representacións e expresións, así como a súa capacidade para xerar riqueza no ámbito local, fortalecer a convivencia e, por suposto, o entretemento e o xúbilo. Agora, disponse dun máximo de 24 meses para completar o expediente, pero os efectos da mesma son de aplicación desde este momento.

Esta resolución, que conta con 16 páxinas, está acompañada de dous anexos, un centrado no propio Entroido e outro nas medidas de salvagarda. Respecto ao primeiro, desenvólvese a natureza e condición desta celebración, así como as diferentes definicións do propio Entroido. Este anexo tamén detalle o marco temporal no que se desenvolve o Entroido e as súas citas máis destacadas, as máscaras, o marco espacial no que se manifesta, a valoración cultural e a súa función social. Por suposto, existe unha comunidade portadora e formas de transmisión, na que destacan os informantes patrimoniais, os mestres e os artesáns, así como os investigadores.

Respecto ao segundo anexo da resolución, danse a coñecer as medidas de salvagarda do Entroido galego como BIC. A Consellería de Cultura sinala esta celebración como un elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos, algo imprescindible para comprender e definir a identidade de Galicia. Así, as medidas xerais de salvagarda comprometen ás administracións públicas a garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

Requisitos do patrimonio inmaterial

Neste sentido, o Entroido galego cumpre todos os requisitos fixados no Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial para gozar da consideración de manifestación do patrimonio cultural do pobo galego. Isto é, ser compartido polos membros dunha colectividade; estar vivo, ser dinámico, vulnerable e non admitir copia; ser transmitido desde a infancia e recreado mediante certas pautas de organización baixo unha orde ritual específica; resultar preservado de xeito tradicional pola comunidade; formar parte da memoria colectiva viva; ter unha estreita conexión coa dimensión material da cultura, e estar contextualizado nun tempo e marco espacial, entre outros.

Os precedentes da incoación

Como sinala a esta resolución, xa existen algúns precedentes: os entroidos de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, que xa foron declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.

Así mesmo, varios entroidos teñen recoñecementos, noutros ámbitos, como festas de interese turístico. Trátase do de Xinzo de Limia, que é festa de interese turístico internacional; o de Verín, que se constitúe como festa de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.

DOG xoves, 25 de xaneiro de 2024 RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Entroido.

Enfelarte2024

I Xornada de difusión do Entroido de Maceda

Organizado polo Concello de Maceda o 27 de xaneiro de 2024, sábado, no salón de actos do Concello de Maceda as 19h. tivo lugar a primeira edición de “Enfelarte2024” co seguinte programa:

Comezamos ca conferencia do investigador, escritor, historiador e sobre todo, Macedan: Santiago Prol baixo o título “Cronoloxía arredor do enigma dos felos” non que fixo un breve repaso sobre o fenómeno Felo e o transcendental da figura.

Continuamos a xornada co parladoiro sobre o deseño e elaboración do traxe de felo coa costureira artesá e tamén macedan Mercedes López Pascual, do Obradoiro Tradicional “Moura”,

Durante esta exposición recibiamos a visita dun grupo de Felos que irrumpiron no acto como protagonistas sin dubida do salón de plenos do Concello.

Como remate a presentación e posterior proxección da curtametraxe “Os Corpos” de Eloy Domínguez Serén. Coloquio sobre a obra e o Entroido coa participación do director.

Galería fotográfica:

Programas entroidos de Ourense 2024

O entroido na provincia de Ourense non só se celebra nos catro días principais, de sábado a martes de entroido, onde as bromas, os disfraces e os traxes típicos enchen a cidade, as vilas, aldeas e rúas, días nos que se anima á participación popular; senon que desde xaneiro xa se comeza a preparalo, como acontece en Xinzo de Limia, cun dos ciclos máis longos.

Unha festa na que se valora o espíritu participativo e as ganas de divertirse, hai que ir disfrazado, non importa de que, sen disfraz un corre o risco de sufrir uns golpes de fusta; de que lle boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que convidar a unha rolda de viños.

É o que hai!

O entroido ourensán é ancestral, unha celebración de longa tradición popular, que a día de hoxe goza de moi boa saúde, aínda que algúns ritos e peculiaridades se teñan perdido e outros estean en proceso de recuperación.

É unha festa de interese turístico internacional en Xinzo de Limia, de interese turístico nacional en Verín, e de interese turístico galego en Laza, Maceda, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

E en Ourense acompañamos sempre o entroido dunha boa mesa onde o protagonista é o porco, coa guarnición das patacas, os grelos ou os garavanzos. E de postre, filloas, orellas, bica…, para rematar cun bo licor café. Que empece a festa !

Pódelo descargar de Eiqui

Obradoiro de Mecos de Entroido

O 20 de xaneiro de 2024 entre as 10 e as 14h., no edificio Multiusos de Maceda terá lugar un obradoiro de confección de Mecos de Entroido impartido por “Marlimgo” de custe gratuito.

O prazo de inscrición remata o 18 de xaneiro e hai 15 prazas.

Inscricións no teléfono 988317110 ou no enderezo electrónico cultura@concellodemaceda.org

Organizado polo Concello de Maceda