Presentacion do Entroido en Maceda

Presentouse no castelo de Maceda o Programa de entroidos da provincia de Ourense, o máis importante no ámbito etnográfico, que desenvolverá este ano, entre os días 8 e 14 de febreiro, máis de 260 actividades en 41 localidades de 33 concellos.

 
O Programa Provincial do Entroido 2018 recolle nunha guía explicativa da que se editaron 20.000 exemplares –e que pode consultarse tamén a través desta web- unha ampla compilación dos actos de entroido que se celebrarán na provincia desde o xoves de Comadres ata o mércores de cinza e enterro da sardiña, o que constitúe a festa máis participativa e con maior repercusión económica das que se celebran na provincia de Ourense.
 
Xunto co programa, que está distribuído en establecementos hostaleiros e oficinas de turismo da provincia de Ourense, no acto tamén se presentou o spot promocional relativo a esta celebración, cuxa finalidade é resaltar aínda máis o carácter singular e xenuino desta festa da nosa provincia.
 
 
Fotos cedidas polo concello de Maceda