Monográfico número 4 de Sermos Galiza presenta, nunha introdución de Felipe Senén e en fotografías e comentarios de Alfonso García Santos, 52 antroidos con máis de 120 fotografías obtidas en máis de dez anos, a grande maioría descoñecidos.
Os entroidos que recollen neste caderno distan das fórmulas importadas e uniformadas, aquelas das carautas de plástico á venda nos bazares. As variedades tradicionais que testemuña Santos coas súas imaxes son etnoarqueoloxía vixente.
Son o entroido auténtico. “É naqueles sitios pequenos do interior da montaña onde mellor se conservaron as tradicións, que pasaron de pais a fillos, e non son poucos os entroidos recuperados polo deus turismo”, afirma o fotógrafo, que elixiu as imaxes tiradas nos últimos quince anos para compoñer o mapa desta festa da liberdade e da creatividade. “Hai décadas, dixemos cuadriláteros, hoxe dicimos espiral infinda, galaxia do entroido galego”, apunta Felipe-Senén ao respecto no texto introdutorio da publicación.
As testemuñadas polo fotógrafo son as seguintes: a Marela de Maceda; a Morena de Matamá; a Pita das Eiroás; a Queima do Meco; a Solta da Marela de Maceda; as figuras de animais no entroido; as Bonitas de Sande; Baixada da Morena de Laza; Boteiros de Trives; Boteiros de Viana do Bolo; Boteiros de Vilariño de Conso; Charrelos de Baños; Chocalleiro de Vilardevós; Cigarróns de Verín; Entroido Ribeirao; Fareleiros; Felo de Garabás; Felos de Boborás; Felos de Esgos; Felos de Maceda; Gárgolas de Celanova; Galos da Mezquita; Labardeiros de Mugares; Máscaras de Buxán; Madamas e Galáns de Cobres; Madamitas de Entrimo; Maragatos de Laza; Mázcaras da Xironda; Mázcaras de Manzaneda; Meco das Teixugueiras; o Boi da Veiga; o Cabreiro de Muíños; o Cigarrón de Verín; o Exército dos panos; o Fedelloso de Meira; O Folión; o Irrio de Lumeares; o Meco da Xironda; o Meco das Teixugueiras; o Oso de Salcedo; o Rei de Covelo; o Xigante e o Touro de Celavente; o Vellarrón de Riós; o Vello dos Cornos de Vila de Cruces; o Zarramanculleiro de Cualedro; os Chambergos de Santeles; Pantallas de Xinzo; Peliqueiros de Campobecerros; Peliqueiros de Laza; Troteiros de Bande; Vergalleiras das Teixugueiras; Vergalleiros de Sarreaus; Vixigueiros de Samede e os Xenerais da Ulla.
Editorial: SERMOS GALIZA
Año de edición: 2019
ISBN: 978-84-09-08994-9
Aliás, quen quixer adquirilo, poderá facelo en librarías a partir dos próximos días a un prezo de 19,90 euros.