O entroido na provincia de Ourense non só se celebra nos catro días principais, de sábado a martes de entroido, onde as bromas, os disfraces e os traxes típicos enchen a cidade, as vilas, aldeas e rúas, días nos que se anima á participación popular; senon que desde xaneiro xa se comeza a preparalo, como acontece en Xinzo de Limia, cun dos ciclos máis longos. Unha festa na que se valora o espíritu participativo e as ganas de divertirse, hai que ir disfrazado, non importa de que, sen disfraz un corre o risco de sufrir uns golpes de fusta; de que lle boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que convidar a unha rolda de viños. É o que hai! O entroido ourensán é ancestral, unha celebración de longa tradición popular, que a día de hoxe goza de moi boa saúde, aínda que algúns ritos e peculiaridades se teñan perdido e outros estean en proceso de recuperación. É unha festa de interese turístico internacional en Xinzo de Limia, de interese turístico nacional en Verín, e de interese turístico galego en Laza, Maceda, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. E en Ourense acompañamos sempre o entroido dunha boa mesa onde o protagonista é o porco, coa guarnición das patacas, os grelos ou os garavanzos. E de postre, filloas, orellas, bica…, para rematar cun bo licor café. Que empece a festa ! A Deputación de Ourense co Entroido! .
Descarga o ficheiro aquí