O 9 de outubro de 2003 constitúese a Asociación Felos da Corga da Serra co fin de canalizar, protexer e promocionar a figura do Felo.
Hai catro tipo de socios: os fundadores, os numerarios, que ingresan a posteridade da acta fundacional, os honorarios e os infantís.
Os principais fins desta asociación son: Promover o Entroido e a figura do Felo entre a xuventude, promoción, formación e integración social das aldeas da contorna de Maceda, desenvolvemento comunitario da localidade sen interese lucrativo algún, promoción da Lingua Galega, realización de actividades orientadas á xuventude, recuperación de tradicións e costumes, promocionar a figura do Felo entre a xente do concello.
Para levar a cabo os seus fins, a Asociación organizará as seguintes actividades: conferencias e charlas de difusión cultural, visitas a exposicións, protección do patrimonio artístico, actividades nos colexios para promocionar a figura do Felo, actividades encamiñadas á promoción da figura do Felo, organización de exposicións en xeral e cantas actividades se poidan realizar.
A actividade fundamental da asociación é o percorrido dos Felos a través das aldeas da Serra, o Sábado e o Domingo de Entroido. Os Felos saen a partir do San Antón ata o Martes de Entroido.