Felo, Orixe

Presentacion FeloA súa orixe áchase no corazón do San Mamede entre corgas, penedos, ríos e covas. No Val do Medo houbo grupos tribais, sociedades de máscaras, megalitismo e cultos zoolátricos.

As orixes da máscara remóntana algunhas fontes ás festas pagás da Protohistoria: sociedades tribais, totems, feitizos de fecundidade e caza, ritos de iniciación. Outras déixano nas hedonistas da Roma Imperial ca demografía castrexa e a Vía Nova. Os medievalistas, na época dos bufóns e dos impostos feudais arredor dos castelos. Reminiscencias precristiáns; culto ó viño e ó pracer; connotacións sociais e relixiosas do medievo. Entre todas -intuímos- modelaron o fenómeno.

O termo Felo ten difícil interpretación. É sinónimo de máscara. Semanticamente a verba xermánica (fillon) indica que pode azoutar. Felón e felonía vinculase coa rebelión do vasalo contra os condes de Maceda ben instalados no seu castelo fortificado desde o século XII. No medievo Maceda asentou bastión fortificado e, coa concesión da feira no ano 1401, despregou o burgo. Logo veu a revolta irmandiña e a rebelión dos vasalos. No enigma dos felos áchanse esas reminiscencias.

Porén, amosa masculinización do feminino e mitra faunística da nosa serra. Co caxato como arma erótica e intimidatoria, a máscara semella transgresora con autoridade, inmunidade e poder de persuasión. Antano as parellas de felos aparecían mesmo ao lumbrigar o ano con desprazamentos a pé, trouleo nos asentamentos e faldreo coas mulleres, nun xogo lúbrico e cómplice co caxato. Acougaban nas palleiras ós solteiros con rexouba, anarquía e espírito ceibe. Hogano o sábado de Entroido reflicten poder de convocatoria.
O batallón de Felos vai dende al aldea de Castro de Escuadro con percorridos polo cordal do San Mamede e asentamentos do Val do Medo. Sempre benvidos nas aldeas e nos lugares amosan brincadeiras, boureo e confraternidade até o solpor.

Felo, historia reciente

ActualidadeDenantes da II República saían os Felos illadamente ó comezo do ano dende as aldeas do val e da Serra. Logo instauraron o Domingo Fareleiro (enfouzaban con farelos ós viandantes), o Domingo Corredoiro (tinguían á xente cunha bola de ferruxe dos potes e tinta dunha barreira) e o Sábado, Domingo e Martes de Entroido. Dezasete días de transmutación de valores na bisbarra de Maceda onde a gastronomía tamén conta: O Domingo de Entroido, cachucha, rabo, unllas, chourizos, grelos, garavanzos, patacas e tintos espesos do país, preferentemente en xarras e cuncas de barro de Tioira ou Niñodaguia. O Martes, cabrito ó forno con patacas. De postre orellas ou filloas con mel.

Pululaban os Felos a pé divertíndose de aldea en aldea. O son provocativo das chocas disuadía ós lobos nas perigosas noites de invernía. Logo invadían a vila e non se afastaban da zoa. Bebían ovos con viño para soportar o inmenso desgaste físico. Non pedían diñeiro. Tampouco destapaban a carantoña diante da xente. Perseguían ós que se metían con eles. A mulleres chacoteábanos. Faldriqueaban con elas co caiado nun flirteo cómplice xeralmente admitido. Lucían traxe os solteiros. Algúns pasaban máis dunha semana  día e noite polas aldeas. Durmían nas palleiras. Só demandaban comida e bebida nas casas para continuar o trouleo.

Son esencialmente anárquicos e rebeldes, A diferenza dos ‘cigarróns’ e ‘peliqueiros’, o ‘felo’ Non pide diñeiro. “Vivían do que lle daban e durmían onde podían”.

A máscara -de sorriso retranqueiro- representa a virilidade máis fidedigna. O Felo da medo. Pódeselle insultar. Endexamais tocar nin tentar sacarlle a carantoña. Transgrede as normas. É a autoridade nestas datas.

Seu espírito anárquico e rebelde foise modificando e a soidade do Felo transformouse en grupos de felos, nos anos oitenta incorporáronse os cativos e as mulleres. Nestas datas a confusión sobre o espírito do Felo fixo que algúns grupos colocábanse nas entradas ou nas rúas de Maceda intimidando os coches e pedindo cartos, descobren o rostro, e desvirtuaban o sentir Felo.

Agora entre os esforzo do Concello e as ganas e dedicación de moitos particulares estase a recuperar de novo, estudando e depurando o que ser Felo significa e coidando a figura do Felo.

Antigamente, soían sair por primeira vez o 1 de xaneiro, as doce da noite, para anunciar o ano novo.